Viaxe a Galicia 2012 

Os estudantes do Proxecto Galauda realizan a viaxe anual a Galicia entre o 3 e o 8 de maio. Este ano participa un só instituto: o INS La Sedeta, que se incorporou neste curso académico ao proxecto.  Visitaranse tres cidades galegas (Santiago de Compostela, A Coruña e Lugo), O Castro de Viladonga e Navia de Suarna, onde se realizará o contacto educativo co alumnado do CPI Doutor Daniel Monje-Navia.
Na imaxe: o alumnado do INS La Sedeta.


 
Que é o Proxecto Galauda?

Dende o Departament d'Ensenyament, Conxita Mayós fala do Proxecto Galauda.
 
O Proxecto Galauda comeza un novo curso


Galauda comeza o curso 2011-2012 coa participación de catro institutos cataláns de Ensino Secundario.
Este ano incorpórase un novo instituto: o INS La Sedeta (Barcelona), que lles ofrecerá a 60 alumnos a oportunidade de estudar a lingua e a cultura de Galicia dentro das súas horas lectivas. Dámoslle, pois, a nosa máis calorosa benvida e agardamos que gocen desta nova experiencia. Por outra parte, temos que nos despedir do INS Sant Just Desvern, que deixa de colaborar co proxecto pola xubilación da profesora Celsa Nogueira.  Agradecémoslle á súa profesora todo o inmenso traballo e entusiasmo que dende os primeiros anos puxo no proxecto e esperamos seguir contando coa súa colaboración en tarefas de Galauda.

Neste curso académico, como vén sendo habitual, ademais do labor diario do profesorado e do alumnado, realizaranse diversas actividades pensadas para pór en práctica a lingua máis alá das aulas. Entre outras, faremos unha visita aos lugares galegos emblemáticos de Barcelona e unha viaxe a Galicia, e participaremos no concurso literario Contos do Mediterráneo e no Saló del Còmic de Barcelona co noso fanzine O Catalizador. Aprenderemos e pasarémolo moi ben.
A comunidade educativa catalá tamén pode coñecer o noso proxecto a través a páxina do xtec.

 

Editada antoloxía de Contos no Mediterráneo

 

O Proxecto Galauda, coa colaboración do Lectorado de Galego da UAB, editan unha antoloxía de contos presentados na categoría A do concurso literario Contos no Mediterráneo entre os anos 2008, 2009, 2010 e 2011. Esta categoría foi creada para que puidese participar no concurso o alumnado do Proxecto Galauda

Pódese consultar a versión en liña do libro aquí.

 

Representación de Utopía 94 para o alumnado do Proxecto Galauda

 
Estudantes de entre 12 e 17 anos dos grupos Aula de Teatro do C.P.I. de Vedra, Aula de Teatro do C.E.I.P. e do I.E.S. de Palas de Rei, Aula de Teatro do C.P.I. de Touro e a Escola Municipal de Teatro do Concello de Laxe interpretaron a obra Utopía 94 no Centro Galego de Barcelona. Un magnífico espectáculo audiovisual que reflicte temas de actualidade como a multiculturalidade e a defensa da cultura e dos idiomas minorizados, a sociedade de consumo, a defensa de valores ecolóxicos, o respecto á diferenza ou as relacións entre as diferentes xeracións. A continuación, alumnos e profesores de Galicia e Cataluña xantaron xuntos no mesmo CGB. Este intercambio educativo xa comezara en Galicia durante a viaxe deste curso, na cal os estudantes de INS Sant Just Desvern compartiron unha xornada de actividades culturais cos estudantes do C.P.I. de Vedra.

 
Páxina 1 de 2
Proxecto Galauda, Powered by Joomla! and designed by SiteGround web hosting